A RAG publica 'Toponimia de Agolada' en edición dixital

Toponimia de Agolada súmase á relación de publicacións da Real Academia Galega que se poden consultar en edición dixital na páxina web da institución. A obra é un traballo da académica correspondente Luz Méndez que profunda nas orixes dos nomes das 24 parroquias e dos 163 lugares deste concello pontevedrés.
Luz Méndez. Fonte: RAG

Toponimia de Agolada -dispoñible nesta ligazón da sección Publicacións- abre a colección "Terra Nomeada", un proxecto froito da colaboración do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica (Agon) que pretende achegar ao público non especializado, de xeito rigoroso pero divulgativo, a importancia da nosa toponimia. Este é patrimonio singular non só porque nos define como pobo senón tamén porque a súa abundancia, variedade e antigüidade non encontra símil noutra parte do mundo.

O volume sobre a toponimia de Agolada foi publicado co apoio da Deputación de Pontevedra e presentado nos Pendellos de Agolada en marzo de 2017. A mesma entidade apoiou a celebración e a publicación dos relatorios da I Xornada de Onomástica Galega baixo o título Estudos de Onomástica Galega. Microtoponimia: experiencias de recolla, didáctica e codificación, que tamén se pode consultar en versión dixital nestoutra ligazón.