A RAG e PuntoGal presentan o terceiro concurso de microrrelatos

A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a terceira edición do certame de microrrelatos que crearon en 2018 co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. O prazo de presentación dos textos, dun máximo de 200 palabras, permanecerá aberto durante o mes de febreiro, cadrando coa campaña de promoción de PuntoGal que permitirá rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente e o director xeral de PuntoGal, o académico de número Manuel González e Darío Janeiro, presentaron este martes na sede da Academia a convocatoria, coa que agardan repetir e mesmo mellorar o éxito de participación das edicións anteriores. Na primeira sumou case 400 textos presentados e en 2019 a participación medrou ata achegarse aos 500.

En 2018 o concurso concedeu un primeiro premio, un segundo premio e tres terceiros. Nesta edición, ao igual ca no subiu repartiranse nove galardóns, tres en cada unha das categorías distribuídas por idades para facilitar a participación de todo o público. Na de infantil poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos; na de xuvenil, mozos e mozas de 12 a 17 anos; e na de adultos, calquera persoa maior de idade.

As persoas que desexen concursar deberán enviar os textos, de ata 200 palabras e en galego, ao correo electrónico actividades@academia.gal entre os días 1 e 29 de febreiro. As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos —ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros— e relacionados coa lectura. As bases do concurso están dispoñibles nesta ligazón. Os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, salientou na presentación do concurso a importancia de vincular a lingua ao mundo da tecnoloxía e buscar a complicidade co idioma entre a xente máis nova. "As novas xeracións propoñen novas formas de crear e as novas tecnoloxías instauran novos modelos de expresión, novas linguaxes. O microrrelato é un xénero especialmente representativo desta nova realidade. Esixe dominio dos recursos expresivos, control da lingua na procura da máxima eficacia posible, imaxinación, selección argumental... En pouco espazo pódense dicir unha chea de cousas. As experiencias de anos anteriores foron moi brillantes", expresou.


Pola esquerda, Darío Janeiro, Víctor F. Freixanes e Manuel González na presentación do concurso. Fonte: RAG


A colaboración entre a Real Academia Galega e PuntoGal xorde precisamente para estimular o uso do idioma nestas novas formas expresivas e, asemade, divulgar a significación da marca PuntoGal na Rede, engadiu. "PuntoGal é unha marca de identidade que nos sitúa no mundo das novas formas de comunicación e as novas tecnoloxías", concluíu.

O presidente de PuntoGal, o académico de número Manuel González, salientou na mesma liña que a colaboración entre ambas as institucións responde á "necesidade de reforzar dentro da sociedade galega a idea de identidade e o sentimento de pertenza a unha comunidade que se expresa en lingua galega, que ten unha maneira particular de ver o mundo e que quere un futuro en común". "Mediante esta iniciativa pretendemos chegar a un alto número de persoas de todas as idades e de toda condición social. Aspiramos a que nestes concurso participen escritores e escritoras máis ou menos consagrados, máis ou menos profesionais, pero tamén nenos e nenas, mulleres e homes do común que se atreven a crear unha pequena historia, porque senten a necesidade de expresar unha vivencia ou un problema", afondou.

Promoción dos dominios .gal
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, lembrou que o dominio .gal xa superou os 5.200 rexistros e incidiu na importancia de manter un programa de colaboración dende esta organización con entidades relacionadas coa lingua e a cultura. "A Real Academia Galega, que apoiou a PuntoGal dende os seus inicios, sempre ocupará un lugar relevante", declarou. Nos últimos meses PuntoGal colaborou tamén con iniciativas como o festival de Cans, os premios Paraugas de Márketing dixital, a WordCamp de Pontevedra ou as seleccións galegas de fútbol gaélico. "Esta é unha liña de traballo na que seguiremos profundando en 2020", indicou.

Cadrando coa convocatoria do concurso de microrrelatos da man da Real Academia Galega, o dominio lanza ademais unha promoción que posibilitará rexistrar durante o mes de febreiro un novo .gal por dous anos a un prezo máximo de 15 euros máis IVE.