A RAG asina un convenio de colaboración coa USC

O 24 de xaneiro de 2011 tivo lugar, no salón de actos da Real Academia Galega, a sinatura dun convenio de colaboración entre a RAG e a Universidade de Santiago de Compostela en materia de lingua.

O acto contou coa presenza de Juan José Casares Long, Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, Rosario Álvarez Blanco, académica de número e directora do Instituto da Lingua Galega e Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia. Neste convenio acordouse un prazo de tres anos para a elaboración da primeira gramática académica e mais do dicionario onomástico de apelidos galegos. Formalízase, así, por vez primeira e por escrito, a longa historia de colaboración entre a RAG e o ILG que, no ano do seu corenta aniversario, se compromete a redactar a primeira gramática coa que contará a Academia.

O dicionario dos apelidos galegos, pola súa parte, axudará a completar o proceso iniciado coa recuperación da toponimia orixinal galega, malia que, neste caso, a decisión de restituír o apelido galego será persoal. Os tres asinantes coincidiron en salientar a importancia e a firme vontade de servizo á sociedade galega que supón este acordo.