A RAG achega os adolescentes á escrita literaria no marco do Festiletras

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey participaron este luns na 37 edición do Festiletras achegando a mocidade á escrita literaria. Os dous escritores impartiron na sede da Fundación Eduardo Pondal senllos obradoiros a alumas e alumnos da ESO do instituto de Ponteceso que leva o nome do vate e animáronos a profundar na lectura e na práctica literaria en lingua galega.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, co alumnado do IES Eduardo Pondal que participou no encontro. Fonte: Fundación Eduardo Pondal


A colaboración co Festiletras enmárcase na liña de colaboración da Real Academia Galega cos centros de ensino para o fomento do uso da lingua propia entre a xente nova, nesta ocasión a través da expresión literaria. O presidente, vinculado desde a mocidade ao xornalismo e profesor ad honorem da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, centrou a súa intervención na relación entre a literatura e a comunicación. Fina Casalderrey, autora de grande éxito entre o público infantil e xuvenil, tamén lles ofreceu aos mozos e mozas claves desde a súa experiencia máis directa para desenvolver textos capaces de atrapar o lector.

Os académicos animaron os participantes a elaborar os seus propios textos literarios e convidáronos a expoñer unha escolma na propia Academia.