A publicidade en galego no século XIX

Imaxe dunha viñeta publicitaria de máquinas de coser Singer
Anuncio en galego nun exemplar d'A Monteira

Sendo certo que durante o século XIX a prensa monolingüe estivo representada por un reducido número de publicacións que, en xeral, tiveron unha curta vida, non é menos certo que a existencia dunha prensa en galego, por moi limitada que esta fose, tivo o importante efecto de incorporar a nosa lingua a novos ámbitos e a novas prácticas. Así, a través das páxinas deses periódicos monolingües, o galego non só se utilizou para escribir poesía ou relatos costumistas, senón que tamén se empregou para falar de política, de relixión, de ciencia ou de historia, nunhas publicacións destinadas a un público lector que era maioritariamente urbano ou vilego. Evidentemente estes foron os primeiros pasos na longa andaina da normalización do noso idioma que aínda continúa no presente.

Entre os novos ámbitos aos que se incorporou o galego por medio da prensa debemos salientar o da publicidade, un eido de especial importancia tanto pola súa novidade como pola estreita relación que tivo desde un comezo coas actividades económicas. A inclusión da publicidade na prensa galega levouse a cabo durante as primeiras décadas do XIX, de tal maneira que a súa presenza xa estaba plenamente consolidada a mediados da centuria, aínda que os formatos publicitarios continuaron evolucionando ao longo das décadas seguintes. Emporiso, a incorporación da nosa lingua á publicidade foi máis serodia, pois non se efectuou plenamente ata as décadas de 1880 e 1890, a medida que foron aparecendo as diferentes publicacións periódicas feitas en galego.

Porén, con anterioridade a esas datas xa se pode detectar na prensa en castelán unha certa presenza do galego na publicidade, a pesar de se tratar simplemente da propaganda de obras escritas en galego, ou da introdución esporádica de frases en galego dentro de anuncios redactados en castelán. Por exemplo, a publicidade do Calendario de Galicia y Asturias para el año de 1858 editado por Manuel Soto Freire, inserida no periódico lucense La Aurora del Miño en 1857, incorporaba dúas estrofas en galego que gababan a calidade da publicación e destacaban asemade o seu reducido prezo. Neste caso concreto a presenza do galego explícase sen dúbida pola inclusión desta lingua dentro da propia publicación anunciada, xa que os calendarios de Soto Freire adoito incorporaron o noso idioma nas súas portadas e nas súas páxinas.

Tendo en conta que n'O Vello do Pico-Sagro non había publicidade, as primeiras mostras de anuncios en galego deben buscarse no periódico ourensán O Tio Marcos d'A Portela, onde xa aparecen desde os primeiros parrafeos, e onde tamén existiu unha sección de "Anuncios" a partir da segunda época da revista inaugurada a finais de 1883. Pero o certo é que a presenza de anunciantes nas páxinas d'O Tio Marcos foi bastante irregular, dándose o caso de que houbo anos completos sen ningunha publicidade, agás a das obras do propio director da publicación, Valentín Lamas Carvajal. Malia isto cómpre recoñecer que, ao igual do que aconteceu con outros aspectos xornalísticos, o periódico de Lamas Carvajal tamén foi un precursor no que atinxe á publicidade. É n'O Tio Marcos, por exemplo, onde encontramos os primeiros anuncios versificados que despois serían tan habituais na prensa en galego, uns anuncios feitos con versos moi sinxelos e de carácter popular que seguramente escribirían os propios responsables das revistas.

Continuando co precedente iniciado n'O Tio Marcos d'A Portela, a publicidade estará presente en todos os periódicos monolingües, reunida as máis das veces nunha "Seucion d'Anuncios" que se localizaba na última páxina de cada número. Así aconteceu nas principais cabeceiras da época: O Galiciano de Pontevedra, A Monteira de Lugo, A Fuliada da Coruña, As Burgas de Ourense... Merece destacarse aquí o Almanaque Gallego editado na Coruña en 1894, unha publicación que reservou vinte e cinco páxinas exclusivamente para anuncios en galego, conformando seguramente a máis ampla colección destes reunida nun mesmo exemplar en todo o século XIX.

Pero, quen se anunciaba en galego nesa época? Pois principalmente o pequeno comercio local: bares, reloxarías, xastrarías, litografías, librarías, barbarías, adegas, casas de comidas, etc., algo que resulta lóxico dado o marcado carácter localista desas primeiras publicacións monolingües. Tamén o facían certos médicos, dentistas e oculistas. Ademais chegaron a publicitarse no noso idioma algunhas compañías de seguros e incluso unha empresa internacional de tanta sona como a marca de máquinas de coser Singer. Alén diso non foi infrecuente aquilo que poderiamos cualificar de práctica de "autopromoción", é dicir, a publicidade de obras escritas polo director do periódico ou por algúns dos seus colaboradores, ou ben a propaganda doutras aventuras editoriais levadas a cabo por aqueles que se encargaban de imprentar as revistas en galego.

Non hai dúbida de que a publicidade na lingua propia de Galicia naceu grazas aos esforzos daquelas persoas que ao mesmo tempo estaban a traballar para facer realidade a existencia dunha prensa no noso idioma. Por tanto todos eses anuncios, tamén o da pequena tenda e o do modesto alfaiate, foron unha achega máis que axudou ao rexurdimento da cultura galega durante o século XIX.