A poesía de Xohana Torres regresa cunha nova homenaxe á súa avoa

A homenaxe de Xohana Torres á súa avoa, que protagonizara parte de Estacións ao mar(1980), volve trinta e seis anos despois ás librarías nunha nova versión ampliada e enriquecida na que saen á luz versos da escritora por primeira vez desde Poesía reunida (1957-2001). A nova Elexías a Lola inclúe poemas inéditos xunto a un fragmento do discurso de ingreso da poeta na Real Academia Galega, no que tamén tivo palabras, e versos, de recordo para a muller da que herdou a fala e a sabedoría popular.
Xohana Torres retratada por Laxeiro.

A poeta e xornalista Ana Romaní e os tamén xornalistas Xan Carballa e Carme Vidal presentaron onte, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, Elexías a Lola (Engaiolarte, 2016), unha coidada edición supervisada persoalmente por Torres e realizada, man con man, co seu amigo o editor Xosé Fernández Puga. Carballa foi o encargado de darlle voz pública ás impresións da propia autora sobre o libro, o primeiro da Biblioteca Xohana Torres, na que se pretende reeditar toda a súa obra e textos inéditos. Segundo explicou, a escritora non tiña pensado volver publicar poemas, pero aceptou a proposta de Puga e sentiu de novo que quería escribir sobre a súa avoa, renderlle unha homenaxe en forma de libro por todo o que influíu e significou na súa vida.

Os doce poemas novos de Elexías a Lola situánse entre os versos publicados en 1980 abrindo novas lecturas, diversificándose "en cartografías que na observación do tempo perfilan outros contornos", expresou Ana Romaní. "Participamos dun reencontro poético inusual: o da voz poética consigo mesma tres décadas despois", engadiu a xornalista, para quen o corpus literario da autora demostra unha gran solidez que "alén de contextos xeracionais, estende a súa pegada plena e cómplice nas poéticas últimas nas que a súa voz resoa".

A edición inclúe un anaco de Eu tamén navegar, o discurso co que Xohana Torres ingresou na RAG no ano 2001, "polo seu interese biográfico e contextualizador". A autora inscribe a Lola "na estirpe de avoas primixenias, de austera e miúda arquitectura, gardiás dunha lingua secular" neste texto "entusiasta e intenso", en palabras de Carme Vidal, que definiu a Torres como "unha das máis grandes escritoras galegas de todos os tempos" e confiou en que, tras este regreso, siga a producir máis obras.

Elexías a Lola tamén reproduce un retrato de Xohana Torres realizado por Laxeiro e, por primeira vez, o da avoa Lola que pintou Segura Torrella seguindo a descrición da neta.