"A inxente obra de Filgueira ten unha unidade: a preocupación por reconstruír a identidade histórico-cultural do país"

Dos anos de adolescencia e mocidade ao investigador erudito, pero tamén creador. Arcadio López Casanova abrirá o vindeiro xoves 26 de novembro o simposio que a Real Academia Galega lle dedica a Xosé Filgueira Valverde cun retrato do polígrafo nas distintas etapas da súa vida. Unha longa e frutífera traxectoria na que cultivou moi variadas facetas culturais, pero sempre co propósito de contribuír á reconstrución da identidade histórico-cultural de Galicia, salienta o académico de honra.
Xosé Filgueira Valverde
Xosé Filgueira Valverde nunha imaxe de xaneiro de 1985 cedida pola familia


O de Arcadio López Casanova será o primeiro relatorio dunha xornada na que se afondará nas achegas do homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2015 desde a perspectiva da lingua e a literatura. O programa forma parte do ciclo Filgueira Valverde na cultura galega do século XX, que se completa tamén a semana que vén con outras dúas xornadas no Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié, logo da apertura o pasado día 10 no Museo de Pontevedra. A súa intervención titúlase "Filgueira Valverde e o seu tempo: apuntamentos para un retrato".

Non é fácil resumir a traxectoria dunha persoa que afondou en tantos campos da nosa cultura.
Vou tentar facer un retrato de Filgueira Valverde a tres banzos. O primeiro centrareino no momento da súa formación, que é de onde veñen os signos que van definir toda a súa traxectoria e todo o seu traballo. Despois falarei do seu traballo como investigador e erudito e, por último, do seu traballo como novelista, como poeta e como autor teatral.

Os primeiros anos de formación son importantes en calquera persoa, e Filgueira xa deu mostras da súa erudición desde ben novo.
Si, efectivamente. Situareino nese período de 1916 a 1936, que eu chamo de deseño da Galicia ideal. Polo tanto, el pertence á manifestación da Xeración do 22, a xeración da vangarda, que quizais é a xeración máis homoxénea que temos na nosa literatura contemporánea. Naturalmente, relacionado cos homes de Nós, que traen os signos da modernidade, e a creación do Seminario de Estudos Galegos, do que foi un dos fundadores.

Que destacaría da enorme produción do Filgueira investigador?
Filgueira Valverde é un polígrafo, autor dunha obra inxente, pero esta ten, ao meu modo de ver, unha unidade: a permanente preocupación por Galicia e pola reconstrución da identidade histórico-cultural do noso país. Logo ábrense para min dous eixes fundamentais. Un é o conxunto de traballos que lle dedica á nosa lírica medieval e, por outra banda, o que o propio Filgueira chama a serie compostelá, que son todos os estudos moi variados, históricos e intrahistóricos, que lle dedica a Compostela,e que dan unha visión definitiva da cidade. Compostela é o escenario emblemático neses momentos, para os homes de Nós, do Seminario de Estudos Galegos e para os escritores da súa xeración.

O xoves que vén tamén abordará, como sinalou, o perfil menos posto de relevo de Filgueira Valverde, o de creador literario.
Si, lamentablemente quedou nun segundo plano. É un importante creador nos tres xéneros, narrativa, poesía e teatro. Fixo achegas líricas de tipo neotrobadoresco que representan como el socalca na nosa mellor tradición lírica. En prosa tamén fixo achegas moi orixinais e no teatro amosou trazos moi propios da causa galeguista daquela época, cunha chamada ao reencontro de Galicia coa súa cultura e a súa lingua.

Que recordo persoal garda del?
Tiven a sorte de coñecelo sendo eu moi novo, como estudante en Compostela. Agradecín sempre a amizade que me dispensou e a xenerosa atención coa que atendeu ao meu traballo poético. Tiven con el unha sentida amizade, axudoume moito.