A inauguración "da nosa Academia"

O 30 de setembro de 1906, nacía oficialmente a Real Academia Galega. A iniciativa xurdiu na Galicia emigrante na Habana, que lle encomendou a Manuel Murguía crear e constituír unha institución encargada de elaborar o dicionario e a gramática do idioma do país. Pero o mandato non se cumpriu inicialmente como se agardaba. A sesión inaugural, celebrada na Coruña, quedou reflectida en galego, con emoción e un chisco de retranca, nunha crónica non oficial da académica correspondente Hipólita Muíño que recuperamos nesta xornada.
Retrato dos fundadores da Real Academia Galega
Retrato dos fundadores da Real Academia Galega. Na primeira ringleira, sentados, José Ogea, Manuel Murguía, Manuel Curros Enríquez e Andrés Martínez Salazar. De pé, Uxío Carré, Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez. Fotografía de Avrillon conservada no Arquivo da RAG


Tras varios intentos fracasados, en 1905 xurdiu na Habana a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega. Presidiuna Manuel Curros Enríquez, aínda que a peza clave na posta en marcha desta institución foi Xosé Fontenla Leal, emigrante obreiro na capital cubana que accedera á cultura escrita de forma autodidacta na imprenta na que empezara a traballar xa mozo.

A Asociación Iniciadora encomendaríalle a Curros a constitución da Academia para elaborar o dicionario e a gramática da lingua, atendendo ás necesidades de estudo e de normativización que esta precisaba. Pero os primeiros estatutos da Academia foron pouco consecuentes en materia lingüística co regulamento da Asociación que a promoveu, advirte Xesús Alonso Montero no artigo "O día en que se inaugurou a Academia Galega: o problema da(s) lingua(s)" (Homenaxe ó profesor Constantino García, 1991). "O protagonismo da lingua (ou certo protagonismo), presente na Habana desaparece na Coruña", sostén Alonso Montero, en referencia ao artigo 1º, que determinaba que o obxecto da Academia sería "cultivar las Bellas Letras en general y especialmente aquellos estudios que más pueden contribuir al conocimiento de la historia, antigüedades y lengua de Galicia".

O galego tampouco tivo o protagonismo que cabería agardar o día do nacemento oficial da Academia, o 30 de setembro de 1906. Na cerimonia inaugural, celebrada na Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña, só se leron en galego os poemas. Todos os traballos en prosa foron en castelán. "Esta distribución reflicte, non mal, o bilingüismo existente nas letras galegas de 1906, unhas datas nas que a utilización da lingua B na poesía non adoitaba suscitar controversia. Agora ben, a prosa, sobre todo a prosa didáctica (que é o noso caso), reclamaba, naquel esquema cultural, a lingua A", apunta Alonso Montero. "Convén saber que os discursos de ingreso na Academia foron lidos sempre, nos tres primeiros anos, en castelán. Hai que chegar ó 13 de decembro de 1909 para atopármonos co primeiro en lingua galega: o de Amador Montenegro titulado Alma de poesía gallega", engade.

Quen si empregou o galego para falar da constitución da Academia foi Hipólita Muíño. Baixo o pseudónimo de Valentina Lago-Valladares, a escritora publicou no número 606 da Revista Gallega un artigo titulado A inauguración da nosa Academia Gallega, un relato da sesión inaugural. "Encomenzou o acto, e n'aquel escenario onde se xuntaban un fato de académicos e escritores e de verdadeiros gallegos, parecíame un niño de paxariños que cantaban n-as arboredas e nos pinares n-as escuras tardes de outono. Presideu D. Manuel Murguía, que é presidente efeutivo da Academia, e dábame xenio ver aquela venerable cabeza, máis branca que á neve das nosas montañas, e aqueles ollos cheos de emoción vendo á verdá de un sono, que él tamén tanto persigueu. O discurso do señor Murguía foi unha folla chea de bellezas literarias", narraba.

Malia esta emoción, e de atopar alí a María Barbeito, "unha rapaciña nova que está encomenzando á lucir ó moito que vale", Hipólita Muíño saíu defraudada do acto. "O púbrico foi salindo caladiño o mesmo que entrou", aseguraba. "Eu tamén salín do local, lamentando os cortos momentos da apertura, e pedíndolle á Dios, longos anos de vida pra nosa Academia, e limpando da miña alma, as garridas emociós que eu soñara pra aquel festival tan grande e tan solene", concluía.