Letras galegas 2020

Xosé María Dobarro

“A 'Historia da literatura galega contemporánea' de Carvalho Calero debería estar nos andeis de todas as casas”

Xosé María Dobarro

Xosé María Dobarro comparte raíces ferrolás co protagonista do Día das Letras Galegas 2020, pero non o coñeceu ata os seus anos de estudante universitario. Ricardo Carvalho Calero foi quen lle ensinou ao catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade da Coruña, cando era só un estudante universitario alá polos primeiros anos 70 do século pasado, que o galego é unha lingua culta e de literatura. Como proba, o protagonista deste 17 de maio deixou a súa Historia da literatura galega contemporánea, unha obra que hoxe debería estar nos andeis de todas as casas, reivindica o investigador. Pero Carvalho Calero merece tamén máis atención –advirte– como creador de dous títulos que considera cimeiros da nosa literatura: a novela Scórpio (1987) e o poemario Reticências... 1986-1989 (1990), publicado postumamente.

Coma Ricardo Carvalho Calero, vostede naceu no barrio de Ferrol Vello, chegou a coñecelo na súa infancia?

Non o coñecín ata que cheguei á universidade. Nacín en 1950, no ano en que el marchou a Lugo para dirixir o Colexio Fingoi, pero dalgún xeito coñecíao indirectamente. Miña nai, que era amiga da súa irmá Dolores, Lolita, foi alumna del cando preparou as oposicións de mestra nacional. Ricardo Carvalho deulle aulas na daquela academia Rapariz (hoxe o Colexio Valle-Inclán), un dos establecementos docentes nos que Ricardo Carvalho Calero impartía clases semiclandestinamente tras a guerra civil, porque como represaliado que foi non se lle permitiu exercer oficialmente como profesor durante moitos anos. Miña nai sempre falou moi ben del como mestre, cousa que eu puiden constatar tamén despois na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela. De feito, o seu recordo motivoume aínda máis a me matricular na materia de Lingüística e Literatura Galega que el impartía en terceiro curso.

Que lle aprendeu como profesor?

Con el apredín moitas cousas. Nacín na casa dos meus avós e vivín moitos anos con eles. Connosco, como por desgraza segue a acontecer en moitas familias de hoxe, falaban en español, pero entre eles sempre o facían en galego. Pola profesión da miña nai, ata os seis anos vivín ademais en distintas aldeas, de modo que o meu contacto co galego foi permanente. Pero con Ricardo Carvalho Calero coñecín o galego como lingua culta e de literatura. Iso foi o máis importante que aprendín do que considero o mellor profesor que tiven na facultade. Polo meu carácter, non era o alumno máis satisfeito co desenvolvemento das aulas, así que tivo que ser realmente bo!

Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero da A.C. Medulio (Ferrol, 1981)
Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero da A.C. Medulio (Ferrol, 1981). Fonte: Arquivo persoal de Xosé María Dobarro

Como era o trato con el?

Era educado, tratábanos de vostede e era algo distante, como era a gran maioría do profesorado daquel tempo. Seguiu sendo así cando comecei a traballar no mesmo departamento ca el e dando clases da súa materia no campus da Coruña. Comezou a atuarme cando lin a tese, a partir de aí creo que empezou a verme con outros ollos. Co tempo, foi amosándose máis cordial e cariñoso, máis próximo ao que se entende dunha relación de amizade.

Que agarda deste Ano Ricardo Carvalho Calero?

Padecín bastante nas miñas carnes a polémica da normativa ortográfica que se deu desde os anos 70 ata case o século actual e, por iso, tiña certo medo de que se reproducise a crispación daqueles tempos, pero vexo con certa alegría que non está a suceder. Pero Ricardo Carvalho Calero foi unha persoa moi presente neses debates, ocuparon boa parte da súa vida académica e galeguista, e polo tanto creo que é un tema que, naturalmente, hai que tocar, o que non vexo mal, sempre que non se converta no tema central deste ano de Letras a el dedicado. Coido que este ano debería servir ademais para que todo o mundo coñeza a Historia da literatura galega contemporánea, que non foi reeditada desde 2001. Debería estar nos andeis de todas as casas. Calquera persoa que queira achegarse ao que foi a literatura galega desde o século XIX ata a guerra civil ten que partir desta obra de Ricardo Carvalho Calero. E, por último, debería valorarse máis a súa obra como creador. El preocupouse como crítico de comentar e difundir a doutros autores e a súa quedou descoidada. Ata o día de hoxe, as aproximacións ao seu traballo literario son escasas.

Ricardo Carvalho Calero recibe a placa co nomeamento de presidente de honra da Asociación de Profesores de Lingua e Literatura (Santiago de Compostela, 1988)
Ricardo Carvalho Calero recibe a placa co nomeamento de presidente de honra da Asociación de Profesores de Lingua e Literatura (Santiago de Compostela, 1988). Fonte: Arquivo persoal de Xosé María Dobarro

Que obras do Ricardo Carvalho Calero escritor destacaría?

Coido que hai dúas que non teñen a consideración que merecen por factores externos, pola súa ortografía, e que deberían estar no mundo escolar. Unha delas é a novela Scórpio, á que, entre outros, un estudoso da talla de Darío Villanueva lle ten dedicado páxinas moi interesantes. Creo que hai moita xente que non a leu, e o mesmo pasa con Reticências... (1986-1989), que para min é unha obra fundamental na historia da poesía do noso tempo. En calquera escolma da poesía galega das últimas décadas non deberían faltar tres ou catro poemas deste libro. Poñamos por caso "Verdadeiro poeta foi. Nom escreveu", "Luitar continuamente, para quê?" ou "Como pudemos viver?", onde describe moi ben o que supuxo a vida de tantas persoas represaliadas porque, conscientemente, lles tocou loitar no bando perdedor, ese tema da guerra que tamén se aborda en Scórpio.

Como pudemos
Viver? Os olhos múltiplos insones
de Medusa fixos em nós à espreita.
As bocas das metralhetas
apontando-nos. A censura
postal –fatídico agoireiro–
lendo as nossas entranhas.
Os sacristaos passando lista
às portas das igrejas. Nos cafés,
os contertúlios anotando
as nossas reacçons perante
as notícias do rádio.
Clitemnestra na cama.
Na escola, os nssos filhos aprendendo
a condenar-nos, a
desprezar-nos, a
denunciar-nos, a falarem a língua
com que insultados fomos e julgados