"A esperanza da lingua reside no encontro entre maiores e novos"

"A esperanza da lingua reside neste encontro entre maiores e novos". O presidente da Real Academia Galega lanzou hoxe esta mensaxe no acto central organizado por Afundación co gallo do Día Europeo de Solidariedade Interxeracional, que se celebra o vindeiro 29 de abril. Víctor F. Freixanes e a poeta Yolanda Castaño participaron no encontro en calidade de padriño e madriña do proxecto da entidade que reivindica o papel dos maiores na sociedade e a necesidade do achegamento entre xeracións.

A celebración desenvolveuse na Sede Afundación en Santiago coa participación do director xerente de Afundación, Pedro Otero, o presidente da RAG, a poeta, dúas socias e un socio dos Espazos+60 de Afundación e tres estudantes que formaron parte dos programas interxeracionais cos que Afundación busca fomentar o entendemento e o achegamento entre xeracións. "Aplaudo esta iniciativa como encontro de dous universos. Somos o que se sementa", expresou Víctor F. Freixanes. "A patria do ser humano é o amor que na infancia recibimos das persoas maiores que nos acompañan na vida. E a esperanza da lingua reside neste encontro entre maiores e novos, porque se non a transmitimos aos que veñen detrás, perderemos a noso patrimonio, perdéndonos a nós mesmos".