A chistera de Murguía

Imaxe da chistera de Murguía que se conserva na Academia
Imaxe da chistera de Murguía que se conserva na Academia


Analizar neste texto a figura de Manuel Antonio Martínez Murguía non sería acertado, e mesmo resultaría pretensioso, posto que unha vida tan longa e fecunda non se pode resumir en tan exiguas liñas. Máis aínda se temos en conta que hai menos dunha semana que se presentou no salón de actos da Real Academia Galega a súa biografía, na que o autor, Xosé Ramón Barreiro, membro da antedita institución e ex presidente dela, fixo un percorrido exhaustivo e moi polo miúdo da vida e obra deste pequeno gran home ao longo de case un milleiro de páxinas.

Logo de prescindir de incompletas introducións biográficas, o que aquí pretendemos é salientar o valor simbólico dun obxecto persoal de Murguía que custodiamos na Academia. Trátase dunha das súas chisteras. A chistera é un tipo de sombreiro de copa alta con forma de cilindro e plana por riba. Foi usada case exclusivamente ao longo de todo o século XIX por homes dunha clase social media-alta, en cerimonias ou actos solemnes, e entra en decadencia nas primeiras décadas do século XX.

A iconografía estuda a orixe e formación das imaxes e a súa relación co simbólico, así como co estudo e identificación dos atributos que as acompañan.

Caricatura de Murguía feita por Castelao para La Voz de Galicia de Buenos Aires
Caricatura de Murguía feita por Castelao
para La Voz de Galicia de Buenos Aires

Tendo isto en conta, podemos catalogar esta chistera como un auténtico símbolo da cultura galega, dado que este obxecto foi asociado á figura do seu dono xa en vida deste. O exemplo máis claro do que acabamos de dicir é a caricatura de Murguía baixando unhas escaleiras co gran sombreiro de copa, que fixo Castelao para La Voz de Galicia de Buenos Aires do día 4 de outubro de 1914. Un cuarto de século despois, e falecido xa Murguía, Luís Seoane fai un debuxo do home con chistera, para ilustrar, en 1940, a portada da edición arxentina da obra Los Precursores. Ao igual que Castelao, Seoane tamén considerou que a mellor maneira de identificar a Murguía era por medio do seu inconfundible chapeu. A chistera converteuse, pois, no atributo máis recoñecible e representativo de don Manuel Murguía.

Imaxe da portada de Los Precursores feita por Luís Seoane
Portada de Los Precursores deseñada por
Luís Seoane

O historiador da arte mediante a análise iconográfica identifica e clasifica as imaxes, os símbolos e as alegorías, para logo pasar ao seguinte nivel analítico, o iconolóxico, que consiste en afondar no seu significado conceptual e ideolóxico, tendo en conta tamén os trazos estilísticos e técnicos, co fin de contextualizar e comprender a obra de arte en toda a súa extensión. Non obstante, á inversa do proceso habitual, o que ocorre neste caso é que son precisamente os artistas os que lle atribúen un significado a un obxecto persoal dun historiador, pois tanto Castelao coma Seoane converten, mediante un meigallo artístico, un elemento de feltro e seda sen ningunha carga simbólica nun auténtico ideograma da cultura galega