A académica de honra electa María Rosa Lojo recibirá a Medalla Europea Homero de Poesía e Arte

A académica de honra electa María Rosa Lojo recibirá na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires de 2021 a Medalla Europea Homero de Poesía e Arte. A escritora arxentina é a primeira muller recoñecida con esta distinción, creada en Bruxelas en 2016 e que se entrega no país da persoa premiada.
Maria Rosa Lojo
María Rosa Lojo. Autora: Sara Facio

O comité internacional de académicos e poetas que concede a Medalla Europea Homero de Poesía e Arte, presidido polo escritor, editor e profesor polaco Darius Thomas Lebioda, acordou conceder á autora porteña de orixe galega este galardón, que implica a publicación dunha antoloxía da súa obra, traducida ao chinés, na colección dedicada a este premio pola Universidade Normal do Leste de China.

María Rosa Lojo é unha das escritoras arxentinas máis internacionais e sobresae tamén no ámbito académico como estudosa da literatura. Na actualidade é directora do Centro de Estudos Críticos de Literatura Arxentina na Facultade de Filosofía, Letras e Estudos Orientais da Universidade do Salvador, en Buenos Aires. O pleno da Real Academia Galega elixiuna o pasado mes de decembro académica de honra.

A autora será a primeira muller que reciba unha medalla que xa recoñeceu os españois Antonio Gamoneda e Juan Carlos Mestre o canadense Patrick Lane ou o chinés Jidi Majia, entre outros autores.