A Academia presenta o seu Dicionario electrónico

Con máis de 50.000 entradas, o novo Dicionario da Real Academia Galega xa é consultable e, entre outras utilidades, conta coa posibilidade de escoitar a realización sonora das palabras.

Elaborado a partir dun amplo corpus do galego moderno, o seu carácter é normativo, polo que unha busca no Dicionario ofrece información sobre a pronuncia, grafía e significados correctos da palabra. Achega, ao mesmo tempo, información gramatical (xénero dos substantivos, formación do feminino, réxime dos verbos...) e, cando é pertinente, sobre o nivel de uso (rexistro formal ou familiar). As acepcións do termo buscado acompáñanse de sinónimos, antónimos e voces próximas semanticamente, ademais de ilustrarse con varios exemplos de uso. Asemade, o Dicionario incorpora a terminoloxía científica manexada nos niveis de estudos medios, así como as locucións e os fraseoloxismos de maior relevancia, cos seus significados e exemplos correspondentes.

No que se refire á súa consulta en liña, a páxina propón un sistema preditivo de busca que facilita a procura do termo. Na marxe dereita preséntanse os termos máis buscados polo público e a definición dunha "palabra á toa", ademais dun formulario que permite enviar calquera suxestión para favorecer unha mellora constante do dicionario. Ademais, unha aplicación permítenos enviar a Twitter a procura realizada, contribuíndo, deste xeito, á socialización do galego no seo das redes sociais.

Estamos, finalmente, perante un dicionario que pretende ser respectuoso cos dereitos das persoas, dos grupos sociais e dos pobos; un dicionario que ten en conta o principio de igualdade e rexeita as discriminacións por razóns de xénero, raza ou relixión.

Ir ao dicionario da Real Academia Galega