A Academia homenaxea a Xosé María Álvarez Blázquez no centenario do seu nacemento

A Real Academia Galega celebrou este martes 15 unha xornada na honra de Xosé María Álvarez Blázquez no centenario do seu nacemento. O acto desenvolveuse na Área Panorámica (Sala Félix Rodríguez) de Tui, a vila natal do polígrafo, membro de número da Academia e protagonista do Día das Letras Galegas de 2008.
Xosé María Álvarez Blázquez
Cartel da xornada na honra de Álvarez Blázquez

A homenaxe consistiu nunha mesa redonda, moderada pola académica Margarita Ledo, na que disertaron sobre distintos aspectos do legado de Álvarez Blázquez a investigadora Ana Acuña, autora do Dicionario Xosé María Álvarez Blázquez; o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do homenaxeado; e o académico Darío Xohán Cabana, que colaborou con el nos anos 70 en Edicións Castrelos.

Na súa intervención, a profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña afondou en novas vías para o coñecemento e o recoñecemento da vida e da obra de Álvarez Blázquez. Xosé María Álvarez Blázquez, Pepe Cáccamo, deteuse en Canle segredo, poemario escrito entre 1951 e 1953 pero que non saíu á luz ata 1976; e Darío Xohán Cabana achegou o seu recordo do homenaxeado como mestre de mocidade durante os anos que traballou con el en Edicións Castrelos, entre 1971 e 1975.

Na presentación da mesa redonda participaron, xunto ao presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, María José González.

Ao longo do mes de setembro, A RAG celebrará outras dúas xornadas na honra dos tamén académicos de número Xaime Ilsa Couto e Ramón Piñeiro, nados igualmente en 1915. A dedicada a Isla Couto terá lugar na Casa da Cultura de Vigo o 23 de setembro e contará coa participación de Xabier Martínez Cobas, Víctor F. Freixanes e Xosé Luís Franco Grande. A homenaxe a Ramón Piñeiro será o 29 de setembro en Lugo e xuntará nunha mesa redonda a Xosé Manuel Dasilva, Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga.