Letras Galegas 2021

A Academia estrea a serie documental ‘Xela Arias. A palabra esgazada’

A linguaxe audiovisual será un dos piares fundamentais da programación das Letras Galegas 2021 da Real Academia Galega. A institución presentou hoxe a súa primeira serie documental arredor desta celebración, Xela Arias. A palabra esgazada, unha achega en 6 capítulos á vida e á obra da autora á que lle rende homenaxe o vindeiro 17 de maio guiada polas propias palabras da homenaxeada. O capítulo 1, centrado nos primeiros anos de vida da escritora, editora, tradutora e docente, os transcorridos entre a Sarria natal, a cidade de Lugo e o Vigo que a acolleu a partir dos 7 anos, pode verse xa na páxina web da RAG, academia.gal, e nas súas redes sociais.

 

Os demais episodios, que se estrearán cada martes ata a semana previa ao Día das Letras Galegas, profundarán nos ambientes que condicionaron a ollada e a escrita de Xela Arias –en especial o urbano próximo á Movida dos 80– e nas súas distintas facetas, non só como escritora transgresora e en constante diálogo con outras artes, senón tamén como unha das primeiras profesionais do mundo da edición e da tradución nunha incipiente industria editorial que tiña como misión normalizar a lingua galega e fixar a normativa.

O presidente en funcións da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o fillo de Xela Arias, Darío Gil Arias; e mais a guionista de Xela Arias. A palabra esgazada, María Yáñez, participaron esta mañá na rúa Tabernas da Coruña na presentación da programación audiovisual das Letras Galegas 2021 da institución. Ademais desta serie documental de 6 episodios duns 10 minutos de duración, realizada da man da produtora Miramemira, a RAG programará cada día, de mércores a luns e ata o vindeiro 16 de maio, a serie de microespazos audiovisuais Xela Arias. Onde canta a poeta, homenaxe colectiva que comparte testemuños de quen coñeceron a autora xunto a novas olladas e recitados dos seus escritos de académicos e académicas, persoeiros do mundo da cultura, mozos e mozas e cidadáns e cidadás de distintos perfís profesionais.

Ambas as series foron realizadas co apoio económico da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Ciencia e Innovación e poderán verse tamén na Televisión de Galicia, que cedeu material do seu arquivo sobre Xela Arias para a produción d’A palabra esgazada. A voz de Xela Arias tamén se escoitará nesta serie recitando os seus versos nas gravacións cedidas polo músico Fernando Abreu, con quen a poeta preparaba un espectáculo poético-musical no momento do seu pasamento en novembro de 2003.

O presidente en funcións da Academia sinala o audiovisual como un medio especialmente propicio para “comunicar a vitalidade e a forza que Xela Arias despregou tanto na literatura como ao longo da súa vida”, e tamén para “chegar ás xeracións máis novas, ás que a figura e a obra da autora interpelan dunha maneira máis potente e directa”. “Estas series supoñen, neste sentido, unha continuidade e un reforzo da aposta da RAG polas novas tecnoloxías e polo audiovisual como unha maneira eficaz de chegar aos públicos novos nos que está depositada a esperanza do futuro da lingua e da cultura”, engade.

Na mesma liña, Marilar Aleixandre destacou que o Ano Xela Arias está a demostrar, como agardaba a RAG ao decidir dedicarlle as Letras Galegas 2021 á autora, que “o valor innovador da súa voz poética ten moitas posibilidades de dialogar coa xente nova”. A académica referiuse ademais á familia Arias Castaño como un exemplo en canto á transmisión xeracional do idioma. “O amor ao galego é algo que Xela Arias mamou, como deixou expresado nas memorias da infancia Non te amola!”.

Darío Gil Arias agradeceu, pola súa parte, en nome da familia as iniciativas para divulgar o legado de Xela Arias promovidas pola Real Academia Galega, as editoriais e demais institucións e entidades sociais porque “están conseguindo que un ano tan complicado coma este non desluza, senón que, polo contrario, sexa un ano moi traballado e con moitos proxectos”.
 

Das raíces ao legado de Xela Arias na voz de novas autoras
A serie documental Xela Arias. A palabra esgazada transmite a forza que tivo e ten a súa protagonista “polas decisións que tomou na súa vida e por como a lembran os seus achegados, cunhas ganas de vivir a vida intensamente e un inconformismo co mundo e co sistema que a rodea”, expón a guionista. “Todo iso é relevante na medida en que axuda a entender a súa obra. Tanto a súa vida como a súa literatura son rompedoras, esgazan os clixés establecidos. Por iso quixemos que fragmentos de poemas, declaracións súas e outros escritos que deixou nos guiasen dalgún xeito na narración”, explica María Yáñez. 

A serie conta coa voz de poetas novas galegas para darlles vida a esas palabras que van ganduxando un relato rico en testemuños que trazan os distintos perfís da autora: o máis íntimo, o da editora e tradutora, o da poeta que dialogou con outras artes... A nai de Xela Arias, Amparo Castaño, o seu irmán Lois Arias, o fillo, Darío Gil Arias, e a exparella, Xulio Gil; artistas e escritoras e escritores coetáneos como o músico Fernando Abreu ou a poeta e académica Ana Romaní; compañeiros de Xerais como Xulián Maure, Víctor F. Freixanes, Celia Torres e Manuel Bragado; e profesionais da tradución como Xavier Senín e Tamara Andrés son parte das persoas que participan na serie canda outras voces novas como as de Berta Dávila, Arancha Nogueira, Alba Cid, Silvia Penas ou Marcela e Andrea Porto, da Banda da Loba.