A Academia e PuntoGal entregan o 27 de maio os premios do II Concurso de microrrelatos

Duascentas palabras son dabondo para dicir moito. Demostrárono os nove gañadores das tres categorías do II Concurso de microrrelatos da Real Academia e PuntoGal, que o vindeiro luns darán a coñecer ao público os seus textos na entrega dos galardóns que terá lugar no salón de actos da Academia (rúa Tabernas, 11 – A Coruña). Os presidentes de ambas as institucións, Víctor F. Freixanes e Manuel González González, entregarán os premios nunha celebración na que tamén participarán os demais membros do xurado, a académica correspondente Mercedes Queixas, o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, e a coordinadora da revista Luzes, Valeria Pereiras. Os microrrelatos gañadores, seleccionados entre preto de 500 propostas, poderán lerse nunha publicación dixital que estará dispoñible, tras a entrega dos premios, nas webs das dúas entidades convocantes.

A psicóloga e logopedista Jessica Rodríguez Sánchez, veciña de Visantoña (Mesía) de 35 anos, fíxose co primeiro premio na modalidade de adultos cun relato de 85 palabras titulado "A fiestra". O mellor texto na modalidade de xuvenil foi para "Cacería nocturna", de Óscar Fernández Freire, coruñés de 17 anos e alumno de primeiro de bacharelato do Colexio Eirís da Coruña; e o primeiro premio de infantil gañouno Claudia Martínez Asenjo, alumna de 11 anos de sexto de primaria no CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela, co relato "O valor dos nomes".

Na modalidade de adultos, o segundo premio foi para "A primeira palabra", un texto presentado pola química e divulgadora científica Ángela Arnosa Prieto, veciña de Naraío (San Sadurniño) de 22 anos; e o terceiro foi para "Black Friday", de Eduardo Cameselle Iglesias, vigués de 75 anos e enxeñeiro técnico xubilado.

Martina Lois Cuns, estudante de bacharelato do Colexio La Salle de Santiago de Compostela, mereceu o segundo premio na modalidade de xuvenil por "Un día máis"; e Cristina Fojo Rubio, alumna do Colexio Calasanz Padres Escolapios da Coruña, gañou o terceiro con "O amigo mar".

O xurado tamén premiou co segundo e o terceiro premio da modalidade de infantil os relatos "A fada Every", de Alba Díaz Mera, alumna de sexto de primaria do CEIP A Gándara de Narón; e "O can enxesado", de Pablo Mirás Sánchez, estudante do mesmo curso no CEIP de Rebordáns de Tui.

Alén da publicación dos microrrelatos, as nove persoas premiadas recibirán diferentes premios de perfil tecnolóxico, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios de cada categoría, un dominio .gal gratuíto durante un ano.