A Academia celebra o Día de Rosalía cun concerto de Amancio Prada

A Real Academia Galega celebrará o vindeiro mércores, 24 de febreiro, o Día de Rosalía cun concerto de Amancio Prada. O músico interpretará coa súa voz e guitarra composicións da poeta, á que leva cantando máis de corenta anos. A entrada é libre ata completar aforo. Será imprescindible retirar o convite, a partir do luns 22, na sede da Academia (Tabernas, 11, A Coruña) en horario de 9 a 14 e de 16.15 a 19.30 horas. Cada persoa poderá retirar un máximo de dúas invitacións.

Como chove muidiño, A xusticia pola man ou Campanas de Bastabales son algúns dos poemas que soarán o día 24 no salón de actos da Real Academia Galega, a partir das 19.30 horas. Baixo o título Rosalía no son e na voz de Amancio Prada, o acto é un agasallo do músico berciano no día do aniversario do nacemento de Rosalía (Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1837-Padrón, 15 de xullo de 1885), figura clave do Rexurdimento.

Amancio Prada publicou en 1975 un disco titulado sinxelamente Rosalía de Castro, un traballo que para os historiadores da poesía vencellada á emoción musical é desde hai tempo un disco mítico, apunta o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Ese ano converteuse así nun "annus mirabilis na historia do espallamento dos versos cantados, nesa ocasión, cun certo acento berciano". Amancio Prada ofrecerá unha antoloxía na que están presentes as mellores musas da insigne poeta: a musa gaiteira, a musa dos pobres, a musa das sombras tráxicas, a musa dos adeuses…, conclúe Alonso Montero.