'100% CEF' na TVG

O pasado 12 de decembro foi o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro. Con motivo desta efeméride, a Televisión de Galicia emitiu unha reportaxe sobre a súa figura: 100% CEF.
Luís Tosar nun momento do documental
Luís Tosar, que interpreta a Celso Emilio Ferreiro, con Aser Álvarez, director do filme


O documental -con dirección de Aser Álvarez e Luís Tosar no papel de Celso Emilio- debuxa unha panorámica vital do autor de Onde o mundo se chama Celanova na voz dos seus amigos, familiares e lectores. A crónica fai memoria da nenez do poeta en Celanova e temperá militancia galeguista, pasando pola a súa participación na Guerra Civil -durante a que coñece á súa dona, Moraima- ou os anos da posguerra pasados en Pontevedra e Vigo, cando pon a andar a mítica colección Benito Soto de poesía. Tamén recolle o impacto, na Galicia do seu tempo, de Longa noite de pedra, a frustrada tentativa por se establecer en Venezuela e o seu regreso final a Galicia.

Entre as personalidades que participan no documental atopamos os académicos Neira Vilas, Alonso Montero e Méndez Ferrín, ademais de Anxo Angueira, Baldo Ramos, Daniel Salgado, Ana Acuña, Ramón Nicolás, Luís e Isabel Ferreiro -fillos de Celso Emilio-, Manuel Bragado, Vicente Araguas, Francisco Leiro, Suso de Toro, Mónica Góñez, Basilio Losada, Antón Reixa e Xosé María Álvarez Caccámo entre outros. A reportaxe conta tamén coas intervencións musicais de Galegos no tempo dos sputniks, Mini e Mero, Manolo Paz ou Xiana Lastra.

O documental pode verse aquí.