“A auténtica literatura infantil admite lecturas diferentes a distintas idades"

A académica Fina Casalderrey será unha das creadoras recoñecidas esta tarde na entrega dos Premios da Cultura Galega 2015. A escritora pontevedresa é a gañadora do galardón ás Letras en recoñecemento a unha traxectoria na que ten cultivado sobre todo a literatura infantil e xuvenil (LIX), un xénero aínda ás veces infravalorado, pero capaz de cativar a pequenos e adultos, advirte. Onte e hoxe porque, por máis que as novas tecnoloxías fagan temer polo futuro dos libros, "seguimos a rescatar vellas historias para presentalas en novas linguaxes", salienta.

Hai xa vinte anos que Fina Casalderrey non se presenta a ningún premio literario. A última vez que o fixo gañou o Edebé. Conseguiuno, lembra, despois de que nas dúas edicións anteriores o acadasen Agustín Fernández Paz e Gloria Sánchez. "Nunca máis volveu coincidir semellante circunstancia: tres autores galegos, e de maneira consecutiva, gañaren un mesmo premio a nivel estatal", indica. Pero os recoñecementos non pararon aí. O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996 por O misterio dos fillos de Lúa; o Álvaro Cunqueiro de 1999, por Repostería en Galicia, a Medalla Castelao no 2003, o nomeamento de Socia de Honra de GALIX no 2013 ou o Premio Frei Martín Sarmiento por O neno can son só algunhas das distincións que colleitou nas últimas dúas décadas. Unha listaxe á que agora se suma o Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de Letras.

Que significa para vostede este novo premio?
Sigo sorprendida, non só por ser consciente de que hai outras persoas que o merecerían diante de min, senón porque se trata dun recoñecemento institucional e eu nunca ocultei que prefiro sumarme ás reivindicacións do pobo máis ca situarme a carón do poder, veña do lado que veña. Vaia, sorprendida pero, por suposto, agradecida. Supón un peso agradable de levar, pero que esixe unha responsabilidade. Polo demais, cada vez relativizamos máis todas estas glorias, que queremos interpretar coma un aloumiño, "será que non nos queren mal de todo". A estas alturas da vida, cando sabemos que xente á que queres moito ten problemas de saúde, poño por caso, o que máis importa é o mundo dos afectos (...). Quizais significa que vou maior, ou talvez, que a literatura infantil e xuvenil comeza a ser recoñecida nas institucións como se merece.

Ten aínda que reivindicar a literatura infantil e xuvenil que non é un xénero menor? Persisten os prexuízos?
Andouse moito, pero si, aínda quedan moitos prexuízos. "Eu hai tempo que pasei de ler certas lecturas", escoitei a algunha persoa con formación universitaria que reivindicaba así a súa "egrexia" formación cultural, referíndose á LIX. Pois non sabe o que perde! Eu sempre digo que para escribir cousas boas que, ademais, gusten á infancia hai que ser un experto comedor de nécoras: quedarmos coa carne rica (pouquiña) e as cascas, todas fóra.

Que papel especial lle outorga?
A LIX serve para o mesmo que serve toda a literatura: para producir deleite utilizando a arte da palabra. Non se trata de edulcorar, de rebaixar, de simplificar nada, quen fai iso"A LIX ha de facilitar o acceso á complexidade, pero nunca renunciar a ela" está admitindo que se trata de subliteratura. En todo caso a LIX ha de facilitar o acceso á complexidade, pero nunca renunciar a ela. Un libro para nenos e nenas e bo se tamén o pode gozar un adulto. A verdadeira literatura infantil e xuvenil explora os sentimentos á calquera idade.

Antes ca escritora foi lectora, lectora con fame de libros.
Si, é certo, na miña casa os libros eran escasos, mais os contos aparecían en calquera recuncho do día, ou da noite, da cociña, da cama, da eira… para alimentaren a miña imaxinación en abundancia. Meu pai foi unha magnífica biblioteca oral que sementou moreas de deliciosas historias na miña memoria. Certo que tiñamos moi poucos libros, pero non esquezo aquela maneira de ler tan gorentosa, case atragoándome, coma quen tirase con avidez pracenteira da teta da nai.

Segue a gozar a Fina Casalderrey adulta a lectura co mesmo inmenso pracer que, supoño, lle producía neses tempos de fame lectora ou é esa sensación irrepetible?
Aquela sensación de pecado, porque todo o que che producía gozo parecíanos que seguramente estaba mal, aquela sensación de clandestinidade, quizais sexa irrepetible. Se te vían cun libro que por fóra non poñía Matemáticas ou Xeografía e Historia era considerado unha perda de tempo. Estou a falar, por suposto do meu tempo e do meu ambiente. Con todo, de cando en vez, cadran circunstancias e libros que case che fan sentir unhas cóxegas semellantes ás da infancia. Son eses que, se te chaman por teléfono nese intre, che fan engulir unha protesta espontánea. Logo, o feito de formar parte de xurados literarios fai que, en ocasións, teñas que ler tan ás présas que resulta imposible saborear as palabras co ritmo que merecen. Róubanche tempo para ler doutro xeito.

O público infantil e xuvenil actual intégrano persoas nativas dixitais que viven nun mundo moito máis audiovisual. Ten que cambiar a LIX para adaptarse a esa realidade?
Esa parte técnica tan interesante, e asemade tan complexa para min, afecta máis as editoriais, as librerías, as bibliotecas, os centros de ensino… que o propio creador. Eu"Eu invento a historia, o soporte no que se presenta ao lector ou lectora é o que parece variar a velocidade de vertixe. Seguimos a rescatar vellas historias para presentalas en novas linguaxes" invento a historia, o soporte no que se presenta ao lector ou lectora é o que parece variar á velocidade de vertixe na actualidade. Seguimos a rescatar vellas historias para presentalas en novas linguaxes. Non sei o que vai acontecer no futuro, quizais estes momentos convulsos, de incertezas, rematen por calmarse e aprendamos a atopar un equilibrio que non nos converta en escravos rendidos como autómatas ante todo o que teña que ver con botóns e pantallas. Preocúpanme esas rapazas, eses rapaces que presumen de ter milleiros de amigos cibernéticos e perdan o verdadeiro concepto da amizade, poño por caso. Conste que benditas novas tecnoloxías!, mais tamén, bendito sentidiño para que saibamos utilizalas para o noso benestar persoal e colectivo.

Ten daquela a LIX futuro?
A literatura existiu dende que existe o ser humano, e a LIX é literatura, e seguirá existindo nas novas xeracións. E diría máis, con tantas tecnoloxías estupendas, aínda non se descubriu ningunha que seduza máis un neno que a da voz humana contando unha historia con ganas de a contar. Ás veces sinto mágoa, quizais nostalxia de muller maior, cando unha nai presume de que o seu bebé de quince mesiños xa toca na pantalla electrónica dun destes novos aparatos cunha enorme habilidade, coma se iso non o fixesen todos se lles brindamos a oportunidade! E, ao mellor, aínda nunca lle contou un conto, ou lle ensinou onde nace unha flor, ou onde canta un paxaro.

En calquera caso, vostede xa ten experiencia como guionista no audiovisual. Foi difícil o cambio de linguaxe?
Os mestres e mestras de escola do meu tempo estamos afeitos a, sen saber moito de nada, atrevérmonos con todo. Facemos de enfermeiros, psicólogos, costureiros, condutores de ambulancia, poetas, autores e directores de obras teatrais, investigadores do contorno, restauradores da tradición oral, traballadores sociais, ensinantes… sen demasiados orzamentos; así que, o dos guións cinematográficos non é máis ca outra grata experiencia. Por sorte non tiven que cambiar nada porque a nada renunciei por facer iso.

Volveu ou pensa volver ao audiovisual?
O último proxecto neste terreo é unha curta que está a piques de se rematar, xa só é cousa de lle poñer os créditos do comezo e do final. Un novo e gratificante reto para"O meu último proxecto audiovisual é unha curta, a piques de se rematar, sobre unha nena sen memoria de fartura" min, que ten como protagonista unha nena de seis anos. A quen lla mostrei dinme pola nena: "Que excelente actriz!", e eu interpreto que non a debín dirixir mal de todo… A curtametraxe trata dunha nena sen memoria de fartura que é seducida a partes iguais pola música (a Óscar Ibañez, neste caso) e por unha larpeirada.

Volvamos á lectura. Que se pode facer para incrementar os índices de lectura desde a infancia?
Ten responsabilidade a sociedade toda, e sobre todo a familia. Se os do seu redor len, se ven a seu pai, súa nai, absortos nunha páxina, se nese intre alguén chama á porta e deixan o libro exclamando "Boh, por forza agora!", recollen o paquete que traían e volven correndo ao libro, se os nenos e nenas perciben esa sedución, non fai falta máis animación [á lectura]. Todo o que deixamos de ler na infancia e mocidade, no futuro queda coma unha eiva que, precisamente porque somos seres intelixentes, nunca nos abandonará de todo, mesmo aínda que máis tarde lle poñamos remedio.

E o papel da escola?
En canto á miña experiencia como mestra, ao famoso decálogo do escritor francés Danniel Pennacchioni (Danniel Pennac), recollido no seu libro Como unha novela, engadiría non perder de vista que o primeiro obxectivo dunha clase de lingua e literatura debería ser conseguir ao remate do curso saber falar mellor, escribir mellor, respectar e querer máis a lingua e que gozar da literatura xa é un fin, non un medio. Non importa o número de páxinas dun libro, unha boa historia pode caber nun espello. A lectura é coma"Dubido da eficacia dos exames sobre os libros se queremos algo máis ca conseguir destreza lectora. A obsesión polos 'valores transversais' pode lastrar a literatura infantil e xuvenil" o sarampelo, transmítese por contaxio. Non podemos contaxiar o entusiasmo, á emoción que nos produce un libro, unha páxina, se non a temos (…). A actividade principal cun libro é a súa lectura. As editoriais fan esforzos por seducir con fichas de lectura para antes e despois da lectura. Pero… e se "Literatura é aquilo que morre en canto se converte en disciplina", tal como aseguraba Juan Farias? Dubido da eficacia dos exames sobre os libros se queremos algo máis ca conseguir destreza lectora. A obsesión polos "valores transversais" pode lastrar a LIX. Hai unha intuición que agroma do amor á profesión, ao alumnado e á lectura que nos guía mellor ca ninguén. Por outra banda, non debemos esquecer que a LIX é moi importante, pero aínda o son máis os nenos e nenas que a len. Cativalos para enriquecelos é a finalidade última da animación lectora.

En que medida axuda ser docente a escribir para a xente nova?
No meu caso, se non fose mestra, posiblemente non escribiría. Autoras e autores do meu tempo, fomos todos xente do ensino. Vivimos unha época determinada, a fin da ditadura, a entrada do galego nas aulas, a necesidade e ganas de crear materiais… A min ser mestra axudoume, pero hoxe hai xente nova que apunta maneiras e está desvinculada do mundo do ensino.

Quen escribe tamén ten unha responsabilidade. Cal pensa que é cando falamos dun público de poucos anos?
Escribir fermosas historias e contalas con arte, con arte literaria. Non todo o que se escribe para nenos é literatura, non todo o que lles gusta ler é literatura, nin sequera ten por que ser malo que o lean, pero literatura infantil, a auténtica literatura infantil, admite lecturas diferentes a distintas idades, e segundo as experiencias de cada quen. Unha soa frase pode conter o mundo enteiro. Velaí a súa maxia. Dicíame Neira Vilas no seu derradeiro correo: "Moitos autores de adultos intentaron escribir para nenos e non foron capaces".

En que proxectos anda agora mergullada Fina Casalderrey?
Vaia, estou, digamos, nun momento de ordenar cousas, de dentro e de fóra. De retomar, cando poida, vellos proxectos, hoxe aínda aparcados… Veremos… Dende logo, non hai mellor taller literario que a propia vida.